Compartir
Publicidad

Santa Comba, Arzúa, Negreira e Ames son os concellos que recibirán as actividades do programa ‘O galego, a miña  lingua propia’ na semana en que se conmemora o Día das Letras Galegas. Obradoiros para uso do galego nas redes, proxeccións e charlas ademais de concertos son algunhas das propostas desta semana en que se conmemora a festa da nosa lingua.

Promocionar o uso da lingua galega entre a poboación adolescente e aportarlle referentes cos que valorizar e dignificar o uso da lingua galega, estes son os dous obxectivos principais da nova campaña artellada pola Deputación da Coruña para reafirmar o uso do galego entre a mocidade.

Cun discurso directo e actividades adaptadas para o tramo de idade do alumnado de ensino medio, o programa estase a desenvolver nos centros de ensino dos concellos, a través de profesionais de distintos ámbitos artísticos ou profesionais que achegan as súas experiencias na nosa lingua e convidan á mocidade ao seu uso.

A vicepresidenta e responsábel das áreas de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, destaca a «especial atención do programa a se dirixir á mocidade con experiencias próximas e isto permitiunos comprobar, x ana primeira semana, que esta unha fórmula máis eficaz para convidar a usar a nosa lingua».

Co fin de contribuír á paliar o descenso de falantes entre a poboación máis nova do que falan os últimos estudos sociolingüísticos, a Deputación da Coruña deseñou unha campaña de promoción da lingua en que a través de 91 actividades –subdivididas en 20 modalidades- buscará contaxiar ás mozas e mozos da Coruña do prestixio que supón ter unha idioma propio como o galego.

O programa contempla un amplo calendario de actividades e relatorios, en que participarán relevantes representantes do mundo da música, o deporte, a escrita, a danza, etc., persoas colaboradoras que, ademais de seren referentes para os mozos e mozas polas súas actividades profesionais, tamén amosaron o seu compromiso coa lingua galega.

Publicidad